Search
Close this search box.

Proxecto POLBIO

1.- Datos do Proxecto

Título proxecto: POLBIO. Caracterización e avaliación do proceso de biodegradación de polímeros biodegradables. Implicacións ambientais, efecto ecotoxicológico e valorización.

Título subproxecto UVIGO: POLENV. Implicación ecolóxica dos bioplásticos: ecotoxicidade, biodegradabilidade en ambientes naturais e compostabilidade.

Data Inicio: Decembro 2022

Data Fin: Novembro 2024

Líder: Universidade de Vigo

Socio: EnergyLab

Entidades financeiras: Proxectos Estratéxicos Orientados á Transición Ecolóxica e á Transición Dixital 2021. Este contido é parte do proxecto de I+D+i coa axuda TED2021-131278B-C21, que está financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación (MCIN), a Axencia Estatal de Investigación (AEI) 10.13039/501100011033, e pola Unión Europea Next GenerationEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

2.- Descrición

O obxectivo xeral do proxecto POLBIO é caracterizar e avaliar diferentes procesos de biodegradación de bioplásticos (principalmente PLA e PHB), e polímeros sintéticos convencionais como o polipropileno (PP), para incrementar o coñecemento existente sobre as características fisicoquímicas do proceso, o potencial efecto tóxico dos materiais e o impacto que poidan ocasionar en ambientes terrestres e acuáticos, estando presentes en forma de microplásticos.

Ademais, preténdese determinar cales son as condicións máis apropiadas para a degradación destes plásticos a nivel industrial, nas plantas de tratamento de residuos que inclúan procesos aerobios ou anaerobios.

3.- Tarefas da Universidade Vigo

As tarefas que se levarán a cabo na Universidade de Vigo son:

  • Biodegradabilidade en condicións de compostaxe: estudo do grao de biodegradabilidade de dous polímeros, PHB e PLA, así como dun polímero sintético (PP), mediante ensaio en reactores de 2,5 L incubados en condicións de temperatura e aireación controladas. Utilizaranse distintos tipos de inóculo e buscarase optimizar o tempo de proceso co obxectivo de reducir ao máximo posible o tempo necesario para a degradación dos materiais de ensaio.
  • Biodegradabilidade en medio acuático: estudo do proceso de biodegradación no medio acuático dos polímeros PHB, PLA e PP. Realizaranse ensaios en condicións controladas de laboratorio para estimar a degradación dos plásticos a través do consumo de osíxeno das comunidades microbianas utilizando sensores manométricos e diferentes tipos de inóculos e formas de presentación dos materiais de ensaio (filme, fragmentos, micronizado, pellets etc.). Por outra banda, compararase a degradación experimentada polos distintos polímeros en condicións naturais nun río.
  • Biodegradabilidade en solos: estudo do proceso de biodegradación en solo dos polímeros PHB, PLA e PP. Realizaranse ensaios en condicións controladas de laboratorio para estimar a degradación dos plásticos a través do consumo de osíxeno das comunidades microbianas utilizando sensores manométricos e diferentes condicións do solo. Por outra banda, realizaranse ensaios en invernadoiro mediante mesocosmos en macetas, coa incorporación de especies vexetais e miñocas de terra, avaliando os posibles efectos dos plásticos sobre estes organismos. Ademais, compararase a degradación experimentada polos distintos polímeros en condicións naturais mediante a súa disposición no interior do solo ao aire libre e o estudo da súa degradación ao longo do tempo.
  • Distribución e dinámica dos microplásticos en ríos: seguimento anual de microplásticos no río Louro (Pontevedra), mediante a mostraxe mensual de 5 estacións ao longo do leito fluvial, co obxectivo de coñecer cales son os factores que máis afectan á presenza de microplásticos tanto na columna de auga como nos sedimentos do río.
  • Trazabilidade de microplásticos na cadea trófica: estudo da presenza de microplásticos en distintos niveis tróficos, coa finalidade de establecer a transferencia trófica destes contaminantes. Por unha banda, como nivel máis baixo da cadea trófica, seleccionáronse distintas familias de tricópteros (Clase Insecta, Orde Trichoptera), nos cales se determinará a presenza ou ausencia de microplásticos nos estoxos que constrúen durante o seu estadio larvario. Como segundo nivel, seleccionáronse varias especies de peixes, tanto de auga doce (troita, anguía) como de auga salgada (sardiña, agulla, xurelo, rodaballo etc.), nos que se estudará o contido estomacal para determinar a inxestión de microplásticos, Por último, como nivel superior, seleccionouse un carnívoro, a londra (Lutra lutra), en cuxa dieta se inclúen unha gran variedade de especies de peixes, moitos deles comerciais que son consumidos polo ser humano. Neste caso, utilizaranse os excrementos de diferentes poboacións de londras para comprobar a presenza de microplásticos.