Unha Nova Especie de Hidrozoo para a Avoa Leonisa

O descubrimento realizouse en colaboración co IEO, ao abeiro do proxecto EcoAfrik

Leonisa González nunca entendeu que a súa neta, Marta Gil, lle gustasen as Ciencias do Mar e moito menos que se dedicase, con gran devoción, ao estudo dos hidrozoos, non obstante, sempre a apoiou. Froito dese traballo, Marta, xunto ao docente e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Fran Ramil, describiu catro novas especies de hidrozoos, que forman parte do filo dos Cnidarios, no que tamén se inclúen as anemones, corais e medusas, entre outros. Diphasia leonisae é a denominación da primeira especie nova que describiu Marta Gil, que non perdeu a oportunidade de dedicarlle o achado a súa avoa Leonisa, “que a segue a apoiar en todo canto está a facer”, sinala Ramil.

Pero Leonisa non é a única muller que dá nome a unha das novas especies descritas polos investigadores da Universidade de Vigo, que tamén decidiron dedicar outro dos seus achados, a Diphasia anaramosae, a súa compañeira do Instituto Español de Oceanografía, IEO, Ana Ramos, “como recoñecemento a súa enorme contribución ao estudo da fauna e das comunidades bentónicas do noroeste de África, onde leva a traballar case 30 anos”, explican.

A denominación das outras dúas especies descritas está relacionada, pola súa banda, cos lugares onde foron atopadas e coa súa distribución xeográfica. Así, a Diphasia saharica foi localizada por primeira vez nas costas do Sáhara Occidental, mentres que a Diphasia africana, fai referencia á distribución xeográfica da especie, que se estende polo noroeste de África, dende o estreito de Xibraltar ata Guinea-Bisau.

Ver a noticia completa no DUVI.